Sunday 08 de September de 2024

A Deputación reparará o último tramo da DP-7603 ao seu paso por San Sadurniño


A Deputación provincial da Coruña ten previsto contratar ao longo deste ano os traballos de aglomerado do tramo que faltaba por reparar da DP-7603. As obras, que aínda non foron licitadas polo ente provincial, abranguerán desde o punto quilométrico 0,300 até o 4,200, é dicir, desde a saída da Agra de Arriba até A Pena, en Santa Mariña do Monte, xusto no punto onde rematou a anterior fase, executada en 2022. Desta maneira quedará completada a renovación da estrada que enlaza o núcleo urbano de San Sadurniño con Valdoviño.

O proxecto iniciou o pasado mes de maio o trámite de exposición pública e prevese que nas próximas semanas poida comezar a licitación pública da obra, cifrada en 414.000 euros. Segundo a Deputación, os traballos consistirán na extensión dunha nova capa de rodadura de firme aglomerado tanto na calzada como nas beiravías.

Cubrirase unha distancia de 3,9 quilómetros, concretamente os comprendidos entre a Agra de Abaixo, á saída de San Sadurniño, e algo máis adiante do mesón Os Cazadores, no lugar da Pena, en Santa Mariña, aínda que á altura de Silvalonga a Deputación xa ten reparado un pequeno tramo.

Unha vez se contrate e execute o proxecto -na licitación establecerase un prazo máximo de tres meses- quedará listo todo o eixo que enlaza o centro municipal de San Sadurniño co cruzamento do Coval, en Valdoviño. Secundino García Casal comentou que, deste xeito, daráselle cumprimento a unha demanda municipal “de máis dunha década”.

O rexedor lembrou que en 2011 o Concello solicitoulle á Deputación “presidida daquela por Diego Calvo” tanto a reparación da vía como a construción de sendas peonís. Porén non foi até 2015 “xa co actual bipartito PSOE-BNG” cando, segundo García Casal, “houbo compromisos reais coa mellora da seguridade da estrada, primeiro construíndo unha senda entre A Golpilleira e A Pena e despois aglomerando a maior parte do trazado que cruza Santa Mariña”.

O alcalde agarda que o proxecto saia a contratación pública en breve para completar “o antes posible” a reparación integral da estrada. Secundino García tamén confía en que a seguinte grande actuación na rede provincial “poida ser a mellora da estrada de Ferreira” e, ademais, “que se lle dea o impulso definitivo ao proxecto da DP 7302 que vai desde a Capela de Belén ata Riboira, promovido no seu día polo concelleiro e deputado Suso Soto”. Cabe recordar que a Deputación conta cun plan de reparación desta vía e xa ten expropiados os terreos necesarios para construír unha senda peonil que enlace a zona urbana co lugar do Fabal.